Tras dous anos de intensa reivindicación, o 6 de maio marca un día histórico para quen loitaron polo dereito a integrarse no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA). A actual Xunta de Goberno do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense celebra con orgullo este importante avance cara a unhas pensións dignas para todos os profesionais, froito do esforzo colectivo e da persistencia na defensa dos dereitos fundamentais.
Ese día, o Pleno do Congreso dos Deputados tomou en consideración a Proposición de Lei para modificar o Real Decreto Lexislativo 8/2015, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social. A reforma, impulsada polo Grupo Parlamentario Socialista, aborda especificamente as mutualidades alternativas reguladas nas disposicións adicionais 18.ª e 19.ª da Lei.
Na súa exposición de motivos, o texto recoñece que a incorporación dos traballadores por conta propia ao RETA, tras a entrada en vigor do Decreto 2530/1970, non foi inmediata para todos os colectivos, polo que se propón agora avanzar cara a unha solución que permita a converxencia plena.
Entre as medidas clave que propón a reforma destacan:
A limitación da posibilidade de optar por unha mutualidade como alternativa ao RETA a partir do 1 de xaneiro de 2027, con algunhas excepcións moi específicas.
A mellora na cobertura ofrecida polas mutualidades, esixindo que as rendas que estas outorguen igualen, como mínimo, o 80 % da contía mínima das pensións públicas.
A creación dunha “pasarela” que permita, baixo condicións regulamentadas, a transferencia voluntaria de dereitos económicos desde as mutualidades ao RETA, unha medida longamente esperada por moitos profesionais.
Así mesmo, prevese un incremento progresivo das cotas dos mutualistas, acadando o 100 % da base mínima do RETA en 2027. Tamén se habilita unha disposición transitoria para que os profesionais colexiados en mutualidades anteriores a 2013 poidan, no prazo dun ano desde a aprobación do regulamento correspondente, solicitar devandita transferencia.
Con esta iniciativa superado o debate de toma en consideración, comeza agora a súa tramitación en comisión, abríndose o prazo de presentación de emendas. Este é un paso máis nun proceso que, de completarse, permitirá avanzar de maneira decisiva cara a un modelo máis xusto, equitativo e protector para todos os profesionais.