Conforme ao dereito que recoñece o artigo 24 da Constitución aos cidadáns e cidadás de obter a tutela efectiva de xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos lexítimos sen que en ningun caso poida producirse indefensión, a Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta (Lei 1/1996 do 10 de xaneiro) e o Regulamento de Xustiza Gratuíta de Galicia (Decreto 269/2008 do 6 de novembro), establecen cales son os requisitos e pasos para acceder á xustiza en condicións de igualdade sen que o non ter bens suficientes sexa un impedimento para iso.
A Asistencia Xurídica Gratuíta, é un conxunto de prestacións que comprenden, defensa gratuíta, representación gratuíta, e outra serie de prestacións establecidas no artigo 6 da Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta, ás que teñen dereito toda persoa física cuxos recursos económicos e ingresos da unidade familiar, por calquera concepto, non superen, en norma xeral, dúas veces o IPREM ou os límites que establece o artigo 3 da Lei.
Tamén ten dereito á asistencia xurídica gratuíta, con independencia dos seus recursos económicos, as persoas traballadoras e beneficiarias da seguridade social dentro da orde social, as vítimas de violencia de xénero, de terrorismo e de trata de seres humanos, e menores e persoas con discapacidade vítimas de situacións de abusos ou malos tratos, e outras persoas que establece o artigo 2 da Lei.
Para solicitala, ten que presentar o modelo de solicitude, que pode obter nos servizos de orientación xurídica dos colexios de avogacía, nos xulgados e dependencias da Xunta ou na páxina Web desta ou do ICA (formulario PR204A) e presentala, xunto coa documentación que na mesma requírese no Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense (Rúa Concello, nº 22, entresollado de Ourense), ou no Xulgado do seu domicilio.
Unha vez tramitado o expediente polo Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense, será a Comisión Provincial de Asistencia Xurídica Gratuíta, dependente da Xunta de Galicia (En Ourense, en Avenida da Habana, 79-2º, C.P: 32004, Telf: 988 38 63 82), a que recoñeza ou denegue o dereito á asistencia xurídica gratuíta.
Para máis información: https://www.abogacia.es/servicios/ciudadanos/servicios-de-orientacion-juridica-gratuíta/